PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!

Prezado/a amigo/a:

A plataforma cívica QUEREMOS GALEGO está conformada por unhas 700 entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual. No día das letras galegas de anos pasados impulsamos masivas e exitosas manifestacións en Santiago de Compostela co obxectivo de evidenciarmos perante á opinión pública europea que temos un idioma propio e que somos quen de defendelo en igual modo que son defendidos o resto dos idiomas desta nosa Europa. Máis información en www.queremosgalego.org

Este ano 2011 decidimos aproveitar o contexto de eleccións municipais para facer ver a necesidade democrática dunha galeguización efectiva dos concellos, como institucións que poden e deben ser axentes activos e privilexiados no proceso normalizador da lingua galega. En coherencia co anterior realizaremos concentracións en multitude de concellos ao longo e ancho do País, facilitando a participación das persoas que defendemos a existencia do noso idioma propio como principal vínculo de unión entre nós.

Como non pode ser doutro xeito, avaliaremos a actual política lingüística que, como acordamos no Plenario Nacional celebrado o pasado 14 de marzo na capital galega, é de clara involución nos dous anos que Núñez Feijóo leva na presidencia da Xunta.

O martes 17 de maio ás 12 da mañá realizaremos as citadas concentracións nas que alternaremos a lectura de textos do grande referente político, intelectual e artista, Castelao, con música ou outras actividades lúdicas.

Convidamos á súa entidade a considerar como propia esta homenaxe ao galego que impulsa a plataforma cívica QUEREMOS GALEGO. Solicitamos a participación da súa entidade nunha das concentracións que realizaremos na nosa comarca, convidándoos a dar lectura a un texto que sobre a lingua galega deixou Castelao e que temos escolmado entre a súa variada obra. Por suposto tamén poderían utilizar un texto do homenaxeado nas Letras deste ano, Lois Pereiro, ou de calquera outro/a autor/a que teña como argumento principal a defensa do noso idioma.

De preferiren realizar unha homenaxe propia e desexaren vinculala a Castelao estaremos ledos de lles facilitar textos deste noso grande referente.


As concentracións serán ás 12 da mañá (agás Pontedeume ás 11:30) nas localidades e lugares:

Ares (Praza do Concello), As Pontes (Praza de América), Cedeira (Praza da Reitoral da Vila Vella), Fene (Local do Pote -Maniños-), Ferrol (Praza do Himno), Narón (Parque Botánico Carlos Rodríguez Dacal), Pontedeume (Praza do Concello), San Sadurniño (Praza do Concello) e Valdoviño (Praza da Casa da Cultura).

Se decidiren participar prégolles nolo comuniquen para facermos as previsións necesarias. Para calquera dúbida ou aclaración, non dubiden en se pór en contacto.

Unha forte aperta.

Carlos Outeiro Baamonde
Coordinador na comarca de Ferrol
Plataforma cívica QUEREMOS GALEGO
couteiro@hotmail.com
Tlf - 690 30 72 45