Sábado 14 de Maio, 20,30 h. Teatro Jofre Acto Cidadán Letras Galegas

Acto Cidadán en homenaxe a Lois Pereiro e as Letras Galegas

Sábado, 14 de maio, ás 20,30 hs.

Teatro Jofre

Promovido polo Concello de Ferrol, pretende poñer en valor a nosa lingua, ao homenaxeado este ano e a creatividade das persoas de Ferrol.

O programa, en cuxa elaboración colaboraron o Ateneo Ferrolán, a Asociación Fuco Buxán e a Asociación de Veciños O Rosario-Inferniño, terá como protagonistas a música e a poesía de Lois Pereiro. Así, a música correrá a cargo do grupo Far away place, unha formación nada nos Locais de Ensaio da Magdalena e composta por cinco mozos menores de 18 anos que “fixeron un grande esforzo por poñer música a varios poemas de Lois Pereiro”, e serán Helga Méndez e Ánxeles Seoane quen dean lectura aos poemas do homenaxeado neste 17 de Maio. O manifesto a prol da lingua lerao Elia Rico, presidenta da Sociedade Medulio e Lino Braxe, compañeiro artístico de Lois Pereiro, fará a súa semblanza. Así mesmo, o Acto Cidadá contará coa presenza de Inés, a irmá de Lois Pereiro, profesora de Latín no IES Concepción Arenal, e nel proxectaranse imaxes do arquivo da familia de Lois Pereiro que foron cedidas ao Concello de Ferrol a través do convenio de colaboración asinado recentemente con Xosé Manuel Pereiro.

O peche do acto, que será “singular e sorpresa”, consistirá na interpretación novidosa do Himno Galego a cargo do gaiteiro Víctor Agulló e as corais Alecrín, Airiños de Caranza e a Coral Polifónica de San Pablo, dirixidas por Narciso Pillo.

Para asistir ao Acto Cidadán do Día das Letras Galegas cómpre chamar ao teléfono do Punto de Información Cultural (PIC): 981 944 245 para reservar a entrada.
____________________